Escuchar
Martes, 30 Julio, 2019

Un incendio provoca danos estruturais importantes nunha vivenda unifamiliar da parroquia cambadesa de Corvillón.

De momento, descoñécese a orixe do lume cuxos efectos obrigaron a apuntalar a planta baixa e unha habitación do piso superior.

Por fortuna, ninguén resultou ferido, aínda que a vivenda estaba ocupada cando se produciu o incendio. Así o indicaron os veciños que chamaron ao 112 Galicia minutos antes das sete desta mañá para pedir axuda despois de escoitar berros de auxilio.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, solicitouse a intervención dos Bombeiros do Salnés e dos membros do servizo local de Protección Civil para apagar un lume que arrasou por completo a planta baixa da casa e unha habitación situada no piso superior. Ademais, os danos ocasionados polo incendio obrigaron aos membros do operativo a apuntalar as zonas afectadas.

Á parte dos equipos de extinción, traballaron no lugar os axentes da Garda Civil co fin de coñecer as circunstancias nas que se produciu o lume.