Escuchar
Sábado, 15 Febrero, 2020

Un conductor pediu axuda a través do 112 Galicia despois de caer a rolos co seu vehículo por un desnivel de 50 metros de profundidade.

Sucedeu pasadas as dez da noite de onte preto da Reigada, no concello ourensán de Manzaneda.

A persoa, que apenas tiña unhas mazaduras e rabuñadas, saíu do coche polos propios medios e trataba de subir de novo á estrada mentres chamada ao 112 Galicia para explicar canto lle acontecera e dar os datos máis precisos posibles sobre a súa localización. Mesmo recordaba o último lugar polo que pasara, A Reigosa, e cara a onde se dirixía. Datos que resultaron de moita utilidade ao persoal do 112 Galicia para enviar a axuda necesaria no menor tempo posible. 

Nun primeiro momento, rexeitaba a asistencia médica, pero, de calquera xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para trasladar ao ferido a un centro médico e proporcionarlle os coidados necesarios.

Ademais, pediuse a colaboración dos voluntarios de Protección Civil de Manzaneda e do GES de Castro Caldelas, quen confirmaron que o vehículo caera por un terraplén duns 50 metros de profundidade, nunha zona de difícil acceso. Despois de recuperar as pertenzas do afectado e desconectar a fonte de alimentación eléctrica do coche, os servizos de emerxencias retiráronse do lugar sen máis incidencias.

Pola súa banda, os axentes da Garda Civil de Tráfico encargáronse de recoller toda información relacionada co sinistro.