Escuchar
Sábado, 8 Agosto, 2020

Un accidente cun hidroavión sáldase cun tripulante falecido e outro ferido este mediodía. A aeronave traballaba na extinción dun incendio forestal na zona limítrofe con Portugal, no concello ourensán de Lobios. Debido a causas que ata o momento se descoñecen, precipitouse mentres sobrevoaba a área forestal afectada ás 12:35 horas deste mediodía.

Así, a Axencia Galega de Emerxencias activou o protocolo de colaboración transfronteiriza en caso de emerxencia, ARIEM 112 para tratar de coordinar o operativo de rescate da tripulación e garantir as condicións de seguridade no lugar.

Desafortunadamente, pese aos esforzos dos equipos de emerxencia desprazados ata o lugar do sinistro, un dos tripulantes, de nacionalidade portuguesa, perdeu a vida. O outro ocupante da aeronave, de nacionalidade española, foi evacuado a bordo do helicóptero de rescate de Gardacostas de Galicia. Ambos traballaban no operativo de extinción dun incendio forestal declarado en Lobios na noite do pasado venres.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ao recibir a chamada de alerta do Centro de Coordinación de Incendios Forestais. De acordo coa comunicación recibida, era necesaria a mobilización urxente dos equipos de emerxencia para atender aos ocupantes dun hidroavión sinistrado, de frota española pero que prestaba servizo no país veciño.

Desde xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos profesionais de Urxencias de Galicia-061 e dos membros de Salvamento Aéreo de Rescate, Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo.

Ata o lugar do sinistro desprazáronse os helicópteros medicalizados e de rescate con fin de prestar apoio ás vítimas coa maior celeridade.

Cómpre sinalar que desde o 112 tamén se solicitou a colaboración dos efectivos de emerxencia portugueses, do GES de Lobios, dos Bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova, os axentes da Garda Civil, da Policía Nacional e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Celanova.