Escuchar
Lunes, 18 Enero, 2021

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta noite a dúas persoas que presentaban síntomas de intoxicación por monóxido de carbono en Ponteareas.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os feitos ocorreron pasadas as nove da noite de onte nun domicilio situado no lugar da Costa Sequeiros. Alí acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para comprobar o estado no que se atopaban os ocupantes da vivenda, pois presentaban síntomas compatibles cunha intoxicación, como son vómitos e mareos.

Co fin de determinar as causas e a orixe da acumulación de monóxido de carbono, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos membros do GES-Bombeiros de Ponteareas, quen, mediante as correspondentes medicións, confirmaron que a orixe estivo nunha estufa de gas butano.

Ademais, neste operativo, contouse coa colaboración dos axentes da Policía Local e a Garda Civil.

Dous menores e dous adultos, atendidos en Xermade con síntomas similares
Tamén na localidade lucense de Xermande foron atendidas catro persoas, dous menores e dous adultos, que presentaban síntomas de intoxicación similares, isto é, mareos e vómitos. Así o explicaron mediante a súa chamada de emerxencia ao 112 Galicia cando apenas pasaban uns minutos das seis desta madrugada. 

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos profesionais sanitarios, que chegaron cunha dotación ao domicilio, situado en Rebulláns. Segundo explicaron os membros do equipo médico, os detectores instalados na ambulancia indicaban a presenza de monóxido de carbono no interior da casa. Sen embargo, cando os Bombeiros de Vilalba accederon á vivenda, xa ventilada, as medicións apenas percibían acumulación de gas. Non obstante, realizaron unha inspección pola vivenda co obxectivo de dar co foco. Igualmente, desde o 112 Galicia, informouse á empresa subministradora do butano para faceren unha revisión das instalacións.