Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Evacuado un edificio de Cedeira por mor dunha bombona de butano con perdas que un veciño colocou por erro nas escaleiras

Os servizos de emerxencias desaloxaron esta noite oito vivendas dun edificio a causa dunha fuga de gas procedente dunha bombona de butano que un veciño puxo a airear por erro nas escaleiras.

O suceso rexistrouse no 112 Galicia ás 23:00 horas de onte tras a chamada de alerta dun veciño que percibía un cheiro a gas en todo o edificio, pero descoñecía a procedencia. Así, tras o desaloxo preventido das vivendas do número 15 da Avenida de España, os servizos de emerxencias localizaron a fuga no segundo andar, onde habita un home de avanzada idade que puxo a airear unha bombona con perdas nas escaleiras. Segundo puideron saber, o señor estaba a usar unha estufa catalítica que tiña perdas de gas, que por descoido tratou de disipar nas zonas comúns do edificio. 

A alarma dos veciños debido ao cheiro que se percibía en todo o inmoble motivou a chamada ao 112 Galicia desde onde se activou un operativo no que participaron os Bombeiros de Ferrol, GES de Ortigueira, Garda Civil e voluntarios de Protección Civil de Cedeira. Tamén foron informados os técnicos da empresa subministradora e os servizos sanitarios de urxencia que, por precaución, atenderon ao home no mesmo lugar.

Unha vez solventado o problema, os veciños puideron volver ás súas vivendas.

Dúas persoas atendidas na Coruña por un fallo eléctrico
Por outra banda, dúas persoas foron atendidas in situ debido a un incendio eléctrico sen maiores consecuencias rexistrado nun domicilio da Rúa Barcelona, na Coruña. Foi un veciño quen chamou ao 112 Galicia ás 22:30 horas de onte para pedir axuda debido ao fume procedente dun cadro eléctrico ardendo. Precisamente, a acumulación do fume foi o que provocou unha leve intoxicación aos ocupantes da vivenda sen que fose necesario o seu traslado. 

Igualmente, os danos provocados polo incendio limitáronse ao cadro eléctrico, polo que procederon de inmediato a cortar o subministro e ventilar a zona.