Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Atopado nun prado de Curtis o cadáver dun home

Un home falecido foi atopado onte nun prado situado moi preto do Polígono de Teixeiro. Así o indicaron os membros do GES de Curtis cando chamaron ao 112 Galicia, pasadas as 18:00 horas da tarde pasada, para informar da súa saída cara o lugar.

Nada mais recibir o aviso, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do persoal sanitario e dos axentes da Garda Civil, que xa tiñan constancia do suceso.

Polo momento, descoñécense as causas do pasamento.  

Trasladadas dúas persoas en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas foron trasladadas en Vigo despois de producirse un incendio na súa vivenda, situada na Rúa de Montecelo, en Teis.

Ao fío das 04:00 horas desta madrugada unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para indicar que o seu veciño pedía axuda, ardíalle a casa.

A partir de aí,  os xestores do 112 puxeron en alerta aos Bombeiros da cidade e aos servizos sanitarios de urxencia, por si fose precisa a súa intervención. Do mesmo xeito, informouse aos axentes da Policía Nacional e Local.

Finalmente, unha vez extinguido o lume, os Bombeiros ademais de indicar que un cuarto resultara completamente calcinado, dúas persoas tiveran que ser trasladadas polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

Arde unha caldeira en Piñor
En Piñor(Ourense), no lugar do Reino, un incendio nunha granxa alertou aos servizos de emerxencia. Pasados dez minutos da 01:30 horas, un particular poñía en alerta ao 112 Galicia. Indicaba que ardía a caldeira nunha granxa de porcino. Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Carballiño, á Garda civil e aos efectivos de Protección Civil de Piñor. Aínda que o alertante aseguraba que non había persoas afectadas, por precaución, tamén se puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias. Así mesmo, os xestores de emerxencias informaron da situación ao persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Unha vez no punto e extinguidas as lapas, os Bombeiros confirmaron que ardeu unicamente unha caldeira de pellets, quedando afectada toda a zona do mecanismo da caldeira.