Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas persoas feridas no Porriño en dous accidentes consecutivos na A-52

Unha colisión entre un turismo, que rematou envorcado, e un camión na A-52, á altura do Porriño, saldouse cunha persoa que viaxaba no camión ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser trasladada a un centro médico.

O sinistro ocorreu á altura de Cans, dirección O Porriño. Ademais, o CIAE 112 Galicia tivo constancia doutro accidente que ocorreu uns metros antes. Tratouse dun sinistro no que se viu implicado un turismo e no que resultou ferida a condutora. A muller tivo que ser evacuada ao hospital de referencia.

Os feitos tiveron lugar ao fío das 20:45 horas da pasada tarde e foi unha persoa particular quen alertou ao 112 Galicia. Acto seguido, os xestores do CIAE-112 puxeron os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Baixo Miño e de Protección Civil.

Dúas mulleres feridas en Cee
Por outra banda, dúas mulleres resultaron feridas tras producirse un choque por alcance entre un vehículo e un camión de lixo a causa dun xabaril que interceptou na vía. As dúas ocupantes do vehículo, aínda que non parecían revestir gravidade, foron trasladadas polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.  

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente, pasados uns minutos das 20:00 horas deste mércores. Foi un particular quen, a esa hora, informou aos xestores de emerxencias dun choque entre un turismo e un camión de lixo que ía baleiro, por mor dun animal que interceptara na vía, no punto quilométrico 88 da AC-552, no cruce da Pereiriña, en Cee.   

Tras o aviso, ademais de alertar ao 061-Urxencias Sanitarias,  axiña se informou aos axentes de Tráfico e da Policía Local. Así mesmo, puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Cee e dos efectivos de Protección Civil da localidade. 

Un incendio nun coche calcinou por completo un garaxe en Ponteareas

Un incendio nun coche provocou que ardese por completo un garaxe na parroquia de Santa Mariña de Xinzo, no municipio pontevedrés de Ponteareas, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Poucos minutos antes das 19:15 horas da tarde de onte, unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para alertar dun incendio nun coche dentro do garaxe de unha vivenda. Segundo se lle indicou ao CIAE-112, o coche empezou a arder nada máis acendelo e había risco de que as lapas puidesen atinxir á casa.

Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao GES-SPEIS de Ponteareas, á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil de Ponteareas.

Unha vez sufocado o lume, os bombeiros confirmaron que ardeu o garaxe na súa totalidade sen que a vivenda se vira afectada.