Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un falecido e un ferido leve en Arbo tras caer o vehículo no que viaxaban á vía do tren

Unha saída de vía en Arbo deixou esta madrugada un falecido e un ferido ao caer o coche no que viaxaban á vía do tren.

Foi un particular, quen pasados uns minutos das 04:00 horas, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que un coche que circulaba pola Ponte que vai a Melagaço, no concello de Arbo (Pontevedra), se saíra da vía e caera ás vías do tren, pensaba ademais, que dúas persoas podían estar no interior do vehículo.
 
De inmediato, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia se alertou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ponteareas e á Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, informouse ao persoal de ADIF Emerxencias que procedeu ao corte da catenaria, para que os servizos de emerxencia puidesen traballar. Neses intres, efectivos de Protección Civil de Viana do Castelo comunicaban, ao persoal do 112 Galicia, da saída dos Bombeiros e dos axentes da G.N.R. de Portugal cara ao punto.

Unha vez no punto, cortada a catenaria e revisada a liña de tensión na vía, os Bombeiros de Ponteareas confirmaron que foi necesario excarcerar –falecido- ao copiloto. O condutor do turismo, que pensan que foi o alertante que chamou ao 112 para pedir axuda, tras o impacto, saíu despedido e resultou ferido leve. 

Saída de vía en Santiago
Case unha hora mais tarde, ao fío das 05:00 horas, tamén unha persoa particular informaba dunha saída de vía á altura do Aeroclub, na estrada  vella que vai a  Carballo, a DP-0701. No seu relato, aseguraba que o condutor puidera saír do vehículo pero, a acompañante, tiña unha perna rota e non abrían as portas do turismo. 

Nada mais recibir o aviso, o 112 Galicia avisou decontado aos Servizos Sanitarios de Urxencia, aos Bombeiros de Santiago, aos axentes de Tráfico e da Policía Local, así como aos efectivos de Protección Civil. 

Tras rematar a intervención, os Bombeiros confirmaron aos xestores de emerxencias que foi preciso retirar a porta do turismo para evacuar á persoa ferida.

Tres feridos
Por outra banda, sobre as 03:30 horas tamén desta madrugada, o CIAE foi informado por un particular dun accidente entre dous turismos e con tres persoas feridas, en Pazos de Borbén (Pontevedra). O alertante indicaba que o sinistro ocorrera, concretamente, entre os puntos quilométricos 6 e 7 da estrada de Porriño, en Cepeda. Un dos vehículos deu varias voltas de campá e caera por un barranco. Aseguraba que os ocupantes dos turismos estaban todos fora. 

Con estes datos, dende o 112 Galicia informouse ao 061-Urxencias Sanitarias e á Garda Civil de Tráfico que xa tiñan constancia dos feitos, ao haber sido alertados polo mesmo particular.