Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Resulta ferido en Bóveda tras bater contra unha árbore despois de saírse da vía

Un home resultou ferido esta madrugada despois de sufrir unha saída de vía co vehículo que conducía no lugar de Martín, no concello lucense de Bóveda.

Ás 05:20 horas desta noite, un particular poñía en alerta aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia. Indicaba que un coche se saíra da vía e batera contra unha árbore.

Con estes datos, dende o 112 pasouse aviso de inmediato ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Monforte. Nada mais chegar ao punto, os Bombeiros confirmaron que o condutor estaba ferido no interior do vehículo. No seu relato indicaban que non foi precisa a excarceración do ferido pero si axudaron ao persoal sanitario na evacuación da persoa, posto que a porta do turismo non se podía abrir.

Unha vez evacuado, o ferido foi trasladado polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.  

Unha colisión múltiple deixa unha persoa ferida en Santiago

Un accidente múltiple, con tres vehículos implicados, sáldase cunha persoa ferida en Santiago de Compostela.

O accidente ocorreu na saída do Milladoiro da AG-56, dirección Santiago. Sobre as 08:00 horas desta mañá, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia dun choque múltiple, indicaba que non parecía que houbese persoas feridas e que, polo menos, había tres coches implicados.  Neses intres, outro alertante aseguraba ao persoal do 112 que se trataba dun accidente no que un coche batera con outros dous. Pese a que, nun primeiro momento os alertantes indicaban que non había persoas feridas, o 112 Galicia puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias que, unha vez no punto, confirmaron o traslado dun ferido en ambulancia.

Ademais dos servizos sanitarios, tamén foron alertados os axentes de Tráfico, a Policía Local, os Bombeiros de Santiago e os efectivos de Protección Civil.

Motorista ferido
Esta madrugada tamén en Santiago de Compostela, un motorista resultaba ferido ao sufrir unha caída cando circulaba á altura da rotonda do Castiñeiriño, moi preto da gasolineira de Santa Lucía. Ata o lugar, ademais do persoal sanitario desprazáronse os axentes de Tráfico e  da Policía Local. Así mesmo, os Bombeiros da cidade e os efectivos de Protección Civil tamén foron informados polo 112 Galicia do suceso.

 

Un escape de gas en Vigo alerta aos servizos de emerxencia

Unha fuga de gas nunha bombona foi a causa pola que os servizos de emerxencia tiveron que actuar a pasada noite na Rúa de Penis na parroquia de Cabral en Vigo. 

Todo comezou pasadas as 23:45 horas, cando unha persoa chamaba ao 112 Galicia indicando no seu relato que apreciaba coma si se estivese producindo un escape de gas.

Decontado, os xestores de emerxencias alertaron da situación aos Bombeiros de Vigo, aos axentes da Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil. Do mesmo xeito, informouse á empresa suministradora do gas.

Unha vez no lugar, o servizo de bombeiros confirmaron que se trataba dunha fuga procedente dunha bombona de gas, polo que procedeuse a retirala e ventilar a vivenda. Ademáis, solicitaron a intervención dos servizos sanitarios para atender a unha muller que se atopaba mal.

Xa no punto e atendida a muller, os servizos sanitarios indicaron que a persoa foi atendida na mesma vivenda e non foi necesario o seu traslado.