Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Sete feridos de carácter leve en senllos accidentes ocorridos en Rois e Lugo

Un total de sete persoas necesitaron asistencia sanitaria ao producirse distintas colisións nos concellos de Rois e Lugo na pasada noite.

Minutos antes das 22:00 horas da noite de onte, unha persoa particular púxose en contacto co 112 Galicia para informar dunha saída de vía na parroquia coruñesa de Santa María de Ribasar, ao paso pola localidade do Sisto, en Rois.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisaron ao 061-Urxencias Sanitarias, ao GES de Padrón, á Garda Civil de Tráfico e tamén aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Tras rematar a intervención, os servizos sanitarios confirmaron que foron trasladados catro feridos leves ao centro hospitalario de referencia.

Por outra banda, unha colisión entre un coche e unha furgoneta na Avenida Infanta Elena Duquesa de Lugo saldouse con tres feridos trasladados ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Ao redor das 20:30 horas tamén da noite de onte, os xestores do 112 Galicia tiveron constancia dunha colisión entre os citados vehículos no cruce coa Rúa Paulo Fábio Máximo. De acordo á información recibida, os ocupantes do turismo atopábanse feridos de diversa consideración, aínda que liberados e accesibles.

Desde o CIAE 112 Galicia deuse aviso aos Bombeiros de Lugo, á Garda Civil, Policía Local e tamén aos voluntarios de Protección Civil. Os efectivos sanitarios encontrábanse no local do accidente que, finalmente, confirmaron o traslado dos tres ocupantes do turismo.

Colisión múltiple en Oleiros
Unha nai tivo que ser evacuada en ambulancia xunto coa súa filla tras producirse unha colisión múltiple en Oleiros.

Segundo puido saber o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, foron tres os coches implicados na colisión, que tivo lugar uns minutos antes das 20:00 horas de onte, na Avenida Ernesto “Che” Guevara, na parroquia coruñesa de Santaia de Liáns.

Interviñeron os servizos sanitarios. Os Bombeiros de Arteixo, a Policía Local e os voluntarios de Protección Civil da localidade tamén foron informados do suceso polo 112 Galicia por se fose necesaria a súa colaboración.

Saída de vía na AP-9
Por último, unha muller necesitou ser evacuada en ambulancia ao saíse da vía o coche no que viaxaba, en Pontevedra.

O accidente ocorreu  ao redor das 21:30 horas da pasada noite na ponte da Ría dirección Vigo. Tras recibir a alerta a través da chamada de varias persoas particulares, que informaban que a ocupante do vehículo podía estar atrapada despois de dar varias voltas de campá, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención do 061- Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Pontevedra, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos voluntarios de Protección Civil e do servizo de mantemento das estradas.

Finalmente, os membros do Servizo de Protección e Extinción de Incendios e Salvamento descartaron o uso do material de excarceración pois, a ferida, encontrábase accesible e puido ser evacuada e trasladada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.