Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha colisión entre unha furgoneta e un camión deixa unha persoa ferida en Oza-Cesuras

Unha persoa foi trasladada tras sufrir un accidente co seu vehículo ao seu paso pola parroquia coruñesa de Santa Cruz de Mondoi. Os vehículos implicados, unha furgoneta e un camión de paquetería, colidiron na AC-840, á altura do punto quilométrico 3,6.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para informar do incidente. No seu relato, indicaba que tras producirse o choque entre os dous vehículos, podía haber persoas atrapadas.

De inmediato, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros de Betanzos, do GES de Curtis, da Garda Civil de Tráfico.

Debido ao impacto, un farol do alumeado público tamén se viu afectado, por iso, foi necesaria a intervención do persoal do servizo de mantemento para a reparación dos danos causados.

Dous feridos en Pontedeume
Dúas persoas resultaron feridas ao colidir frontalmente dous turismos que circulaban ao redor do punto quilométrico 20 da N-651, ao seu paso por Pontedeume. O accidente ocorreu sobre as 22:45 horas da noite pasada,  mesmo na Ponte, por iso, a circulación viuse afectada nese tramo provocando  importantes retencións na vía.

Ata o lugar, nada mais ser alertados polo 112 Galicia acudiu ademais dos servizos sanitarios, a Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén, foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada.

Os dous feridos foron trasladados polo persoal do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.

Unha muller trasladada por inhalación de fume tras o descoido dunha cazarola ao lume en Marín

Un despiste rematou cunha persoa trasladada ao inhalar o fume producido por unha tarteira esquecida ao lume.

O incidente ocorreu ao fío da 1:30 hora da madrugada de hoxe, á altura do número 59 da rúa Ezequiel Massoni, na parroquia pontevedresa de San Xián de Marín. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, aínda que afortunadamente,  non chegou a producirse  incendio na vivenda, o domicilio encontrábase cheo de fume que desprendera a cazarola.  A raíz diso, a moradora do inmoble presentaba  dificultades para respirar.

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia alertaron aos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra, á Policía Local, á Policía Nacional e aos membros de Protección Civil da localidade. Os servizos sanitarios de urxencia que xa se atopaban no lugar,  requiriron a colaboración do CIAE para a mobilización dos demais medios.