Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas persoas en apuros foron rescatadas na Praia de Foxos, en Sanxenxo

O persoal do 112 Galicia colaborou onte nun operativo de Salvamento Marítimo para o rescate de dúas persoas en apuros na Praia de Foxos, en Sanxenxo.

Un dos afectados acadou a beira, mentres que o outro quedou nunhas rochas e tivo que ser rescatado polo equipo do Servizo de Gardacostas a bordo do Pesa-I.

Todo comezou cunha alerta emitida por Salvamento Marítimo cando se aproximaban as 20:30 horas de onte. Desde terra víase a unha persoa pedir auxilio no mar, preto da Ermida da Lanzada, polo que se activou un operativo para o seu rescate composto polo Servizo de Gardacostas de Galicia, que puxo a disposición a embarcación Irmáns García Nodal e o helicópotero Pesca-I, e polos Bombeiros de Ribadumia, membros do GES de Sanxenxo e Garda Civil, que se achegaron por terra. Sen embargo, as dificultades de rescatar á persoa por esta vía, fixo ao operativo optar polo Pesca-I para recoller á persoa e trasladala ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Foi, precisamente, nos primeiros contactos dos efectivos de emerxencias coa persoa que se resgardaba nas rochas, cando souberon da existencia dun compañeiro ao que se lle perdera a pista. Por fortuna, esta persoa foi quen de chegar á praia e rexeitou a asistencia do equipo do 061-Urxencias Sanitarias que agardaban na zona ao rescate das persoas afectadas.

 

  

 

Unha menor resultou ferida a causa dun accidente de tráfico en Arteixo

Unha menor resultou ferida tras saírse da vía o vehículo no que viaxaba pola estrada de Uxes, en Arteixo.

Como consecuencia do impacto, a cativa tivo que ser evacuada ao centro hosptalario de referencia, aínda que estivo en todo momento liberada e accesible.

Foi a chamada dun particular ao 112 Galicia cando pasaban apenas uns minutos das once da noite o que permitiu activar un operativo para atención da menor que sufriu lesións de diversa consideración. En concreto, o coche no que viaxaba pola Travesa Monte das Arcas saíuse da vía, aínda que todos os ocupantes estaban liberados e accesibles.

Deste xeito, desde o Centro Integardo de Atención ás Emerxencias de Galicia pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios, así como dos axentes da Garda Civil de Tráfico e os voluntarios de Protección Civil da localidade.