Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa ferida de consideración tras colidir dous camións ao seu paso por Allariz

Unha colisión por alcance entre dous vehículos, unha furgoneta e un camión, deixou a pasada tarde unha persoa ferida de consideración no concello ourensán de Allariz.

No momento de producirse o accidente, ao fío das 20:45 horas, os vehículos circulaban pola A-52, á altura do punto quilométrico 206, sentido Verín. Foi a esa hora, cando varias persoas particulares alertaban ao 112 Galicia dun choque entre un camión –cargado con bidóns de disolvente- e unha furgoneta. Afortunadamente, ningún dos materiais da carga do camión viuse afectado.

Foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Xinzo de Limia e os servizos sanitarios de urxencia que mobilizaron ata ao lugar do sinistro o helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que, finalmente, foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, ata o lugar desprazáronse nada máis ser alertados polo 112 Galicia os axentes da Garda Civil de Tráfico, o persoal da Policía Local e efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén, foi informado o servizo de mantemento da estrada para recuperar as condicións de seguridade da vía.

Arde unha casa por completo en Negueira de Muñíz sen rexistrarse danos persoais

Un incendio declarado nunha casa en Negueira de Muñíz mobilizou aos servizos de emerxencia a pasada tarde. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume, que se orixinou nunha estufa, deixou calcinada a vivenda por completo. A pesar diso, os efectivos que traballaron arreo na extinción do incendio lograron que unha casa lindeira non se vise afectada polas lapas.

Os feitos sucederon no lugar de Pena da Nogueira, ao fío das 19:00 horas.

Ata o punto desprazáronse, tras ser alertados polo 112 Galicia, os Bombeiros de Barreiros, os axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Negueira, ademais dos servizos de emerxencia de Asturias. Tamén foron informados do incendio os Bombeiros de San Cibrao, os Bombeiros de Sarria e o GES do Pereiro, da Pontenova e de Becerreá.

Segundo puido saber o 112 Galicia, o lume quedou sufocado ao redor das 00:15 horas.

Incendio nunha casa
Por outra banda, en Covelo, un incendio provocou que un anexo a unha casa rematase calcinado por completo. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.

O lume tivo lugar no lugar de Portocortiñas, uns minutos despois das 21:00 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do incendio.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES e Bombeiros de Ponteareas, da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.

O incendio quedou extinguido ao fío das 22:30 horas.