Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

As tormentas provocan unha trintena de incidencias nas comarcas de Verín e Valdeorras e obrigan a evacuar de urxencia a dúas persoas

As chuvias intensas asolagaron varias zonas das comarcas de Verín e Valdeorras e obrigaron a evacuar de urxencia a un home arrastrado pola corrente e a unha muller encamada, ameazada pola crecida do nivel da auga.

En total, o 112 Galicia contabilizou trinta incidencias nunha tardiña marcada polos anegamentos en vivendas, a formación de bolsas de auga nas estradas e os desprendementos de terra e pedras en diferentes puntos das zonas sur e este da provincia de Ourense.

Así, o groso da actividade do fenómeno adverso por tormentas previsto para as zonas sur, Miño e montaña da provincia comezouse a sentir pasadas as sete da tarde de onte, cando o 112 Galicia recibe a chamada de alerta por un home arrastrado por unha riada no lugar de Infesta, no concello de Monterrei. Alí atopábanse varios equipos do 061-Urxencias Sanitarias, que acudiron en ambulancia e mesmo no helicóptero medicalizado con base en Ourense para atender e evacuar ao CHOU a un octoxenario ferido a causa da tromba de auga. 

Na mesma contorna, os Bombeiros de Verín deron conta doutras dúas persoas illadas por mor da situación, pero en perfecto estado de saúde e en compañía dos axentes da Garda Civil, que permanecían no punto para controlar o nivel da auga acumulada no val de Infesta tras as fortes chuvias.

Mentres, en Verín, bombeiros e efectivos do GES de Laza traballaron para rescatar a unha muller encamada no lugar de Vilamaior do Val, que se viu ameazada pola crecida do nivel da auga no interior da súa vivenda, tal e como comunicou un familiar ao 112 Galicia. Deste xeito, os servizos de emerxencias puxeron á doente a salvo mediante o seu traslado ao piso superior da vivenda e á espera da baixada do caudal.  

En definitiva, unhas últimas horas dun luns marcado pola situación meteorolóxica en Ourense, que deixou un total de 30 incidencias, fundamentalmente provocadas polos anegamentos en vivendas e baixos, así como polos desprendementos de terra e pedras en estradas e a formación de bolsas de auga.

En concreto, rexistráronse 14 intervencións por inundacións en casas e baixos en Monterrei, Cualedro, Verín e O Barco de Valdeorras. Ademáis, contabilizáronse catro desprendementos en estradas, do cales dous tiveron lugar no Barco, tres bolsas de auga en Verín e Monterrei, tres árbores caídas tamén en Monterrei e Laza; e, en Cualedro, faltou o subministro eléctrico.

Por último, cómpre sinalar que no Parque de Bombeiros de Verín estableceuse un Posto de Mando Avanzado co fin de coordinar as emerxencias que ían xurdindo nos diferentes puntos das comarcas de Verín e Valdeorras. 

 

Un ciclista evacuado en helicóptero despois de caer da bicicleta na que circulaba en Coles

Un ciclista resultou ferido de diversa consideración, preto das 08:45 horas, tras sufrir unha caída na N-525, ao paso pola localidade ourensá de Coles.

Foi a esa hora, cando o persoal sanitario informaba ao CIAE 112 da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense para a atención médica urxente do ciclista accidentado. Unha vez estabilizado, o ciclista foi trasladado na aeronave ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, co obxectivo de prestar apoio ao equipo médico do 061-Urxencias Sanitarias, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros de Carballiño, dos axentes da Garda Civil, así como aos membros do GES de Pereiro e voluntarios de Protección Civil da localidade.