Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dez persoas resultaron feridas a causa dunha colisión múltiple rexistrada na N-634, ao paso por Mesía

Un total de 10 persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, a causa dunha colisión na que se viron implicados un turismo, unha furgoneta e un camión cando circulaban pola N-634, ao paso por Mesía.

Para a atención dos feridos, mobilizáronse varias ambulancias e mesmo o helicóptero medicalizado con base en Santiago para o traslado urxente dun dos feridos que presentaba lesións importantes.

O sinistro rexistrouse pouco antes das sete da tarde de onte, tal e como indicaron as persoas que contactaron co 112 Galicia para dar conta dunha colisión múltiple na parroquia mesiense de Cumbraos con varios feridos. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que se desprazaron ao lugar do accidente en diversas dotacións e no helicóptero medicalizado con base en Santiago.

En total, 10 persoas resultaron feridas de diversa consideración, polo que foron trasladadas a diferentes centros hospitalarios da capital galega e da cidade da Coruña. Ademais, ningún dos afectados precisou a axuda dos efectivos de rescate, xa que todos estaban liberados e accesibles. Con todo, desde o 112 Galicia, solicitouse a colaboración dos Bombeiros de Ordes e dos membros do GES de Curtis.

Tamén foron alertados os axentes da Garda Civil de Tráfico debido a que o accidente afectou á circulación, que se viu interrompida no carril en sentido Santiago e que obrigou a habilitar unha vía alternativa.

Colisión frontal O Vicedo
Por outra banda, ás nove da noite, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro accidente, neste caso, unha colisión frontal na LU-862, no Vicedo. Malia ao impacto, os ocupantes dos turismos implicados estaban liberados e accesibles, polo que descartouse a intervención dos equipos de rescate. 

Iso si, ao lugar do sinistro desprazouse unha dotación do 061-Urxencias Sanitarias para a atención dos feridos.