Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un incendio nun transformador deixa sen luz algunhas vivendas e obriga a evacuar a unha enferma en Área Central, Santiago

Un incendio nun transformador eléctrico deixa sen luz algunhas vivendas do complexo de Área Central, en Santiago, e obriga a evacuar a unha persoa enferma ata o restablecemento da subministración.

Ocorreu pasadas as sete desta mañá, cando pequenos estouros e unha fumareda alertaron aos veciños e ao persoal de seguridade do Centro Comercial.

Decontado, puxeron os feitos en coñecemento do 112 Galicia para a mobilización dun operativo que localizou a orixe do fume e dos estoupidos nun transformador instalado no acceso ao aparcamento. Debido a esta situación, varias vivendas quedaron sen luz e mesmo tivo que ser evacuada unha muller enferma que necesitaba de respirador automático.

Por iso, desde o 112 Galicia, tamén se solicitou a colaboración dos voluntarios de Protección Civil de Santiago, que acompañaron á doente e aseguráronse que o seu respirador contaba con suficiente batería mentres duraron os traballos de extinción do incendio. Uns labores nos que se centraron os bombeiros da cidade, quen, unha vez finalizada a súa intervención, cederon a quenda dos técnicos para o restablecemento do subministro eléctrico nas vivendas afectadas. 

 

Resulta ferido un mozo ao caer da Torre de San Sadurniño, en Cambados

Un mozo resultou ferido de consideración logo de caer da Torre de San Sadurniño, situada nun illote do barrio mariñeiro de San Tomé, en Cambados.

Os feitos aconteceron minutos antes das oito da tarde de onte, cando o rapaz precipitouse ás rochas desde o alto da torre.

A chamada dun particular ao 112 Galicia permitiu activar o operativo para a atención do ferido, que presentaba un traumatismo na cabeza. Así, ademais dos profesionais do sanitarios, ao punto dirixíronse os membros do servizo local de emerxencias co fin de colaborar na asistencia e traslado do rapaz ata a ambulancia.

Cómpre dicir que, malia ao golpe, a persoa estaba accesible, tal e como indicou quen alertou ao 112 da caída. Deste xeito, descartouse a intervención de servizos de rescate por mar, pero si por terra para colaborar co persoal médico na evacuación do ferido.