Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Falece un operario ao quedar atrapado nunha máquina industrial dunha papeleira en Santiago de Compostela

Un traballador perdeu a vida a pasada noite en Santiago de Compostela nun accidente laboral que tivo lugar nunha papeleira. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o operario quedou atrapado nunha máquina industrial.

Sucedeu uns minutos antes das 5:00 horas, na AC-543 á altura do punto quilométrico 0, en Brandia . Nese momento, os servizos sanitarios de urxencia alertaban ao 112 Galicia do ocorrido e, nada máis ter constancia dos feitos, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Santiago e da Policía Nacional e Local. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os membros do Servizo de Prevención,Extinción de Incendios e Salvamento de Santiago descartaron empregar o material de excarceración para liberar ao home, ao atoparse accesible. Pola súa banda, os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tan só puideron confirmar o seu falecemento.

Unha saída de vía en Tui sáldase coa condutora do vehículo implicado ferida e unha persoa atropelada

Un accidente de tráfico en Tui saldouse con dúas persoas feridas. Segundo puido saber o 112 Galicia, unha muller que viaxaba nun turismo sufriu feridas de consideración ao saírse da vía e atropelar a unha persoa, que tamén resultou ferida.

Os feitos producíronse na parroquia de Areas, uns minutos antes das 5:50 horas.

Foi unha persoa particular quen alertou do sucedido ao 112 Galicia e, acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil  de Tráfico, da Policía Local, dos Bombeiros do Baixo Miño e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Finalmente, as dúas persoas feridas foron trasladadas ao centro médico de referencia.