Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Oito persoas feridas nun atropelo múltiple en Vigo

Un atropelo con múltiples vítimas saldouse a pasada tarde con oito persoas feridas en Vigo. Os feitos sucederon na Avenida de Fragoso, á altura do número 13, uns minutos antes das 19:55 horas. Nese momento, segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, un turismo alcanzaba a peóns e a unha moto antes de chocar contra unha árbore.

Nada máis ter constancia do ocorrido a través de varias persoas particulares que contactaron co 112 Galicia, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e dos axentes da Policía Local.

Ademais, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).