Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas persoas afectadas por inhalación de fume tras un incendio nunha tenda de electrodomésticos en Monterroso

Un incendio que se declarou a pasada noite nunha tenda de electrodomésticos situada no baixo dun edificio en Monterroso deixou a dúas persoas afectadas por inhalación de fume e provocou diversos danos no seu interior. Ademais, foron evacuadas outras dúas persoas que se atopaban no inmoble, que tivo que ser desaloxado ao encherse de fume a causa do incendio.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume afectou á parte traseira do baixo. Por outra banda, o fume deixou danos na parte dianteira do local comercial e nos electrodomésticos, ademais dos causados no edificio.

Os feitos ocorreron na rúa Nova, na parroquia de Esporiz, ao fío das 22:05 horas. Foi nese momento cando a chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia permitiu activar un operativo no que participaron os Bombeiros de Chantada, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES de Monterroso, a Garda Civil e Protección Civil da localidade.

Segundo puido saber o 112 Galicia, as labores de extinción do lume e  de ventilación  das zonas afectadas levadas a cabo polos servizos de emerxencia remataron ao redor das 00:30 horas.

Un home excarcerado despois dunha colisión entre dous camións en Vilardevós

Unha colisión na que se viron implicados dous camións esta noite na A-52, á altura de Vilardevós, saldouse cun home ferido. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia,  os Bombeiros de Verín excarceraron ao camioneiro, ao quedar atrapado no interior do vehículo accidentado.

O sinistro produciuse no punto quilométrico 153 da autovía, en sentido a Benavente, e foi necesario cortar o tráfico en dous carrís nesta dirección da circulación.

Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia ás 1:55 horas para dar conta do ocorrido. Nada máis ter constancia do accidente, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Verín, de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento da vía.