Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Trasladada unha muller con síntomas de intoxicación por fume despois de declararse un incendio na súa vivenda en Valdoviño

Unha muller foi evacuada ao Hospital Arquitecto Marcide na madrugada de hoxe ao sufrir unha intoxicación ao inhalar fume dun lume declarado na súa vivenda.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o suceso tivo lugar ás 6:00 horas no lugar de Malde, no concello coruñés de Valdoviño. A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 para solicitar axuda para unha veciña da localidade que resultou afectada polo intenso fume provocado por un incendio orixinado nun colchón dentro do seu domicilio.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ferrol, dos membros do GES de Mugardos e tamén dos axentes da Garda Civil.

Finalmente, o incendio foi sufocado sen a necesidade de que chegasen a intervir os servizos de extinción e a muller puido ser trasladada en ambulancia ata o centro hospitalario.

Seis vehículos calcinados nun incendio en Pontecesures
Por outra banda, un lume nun taller mecánico afectou a seis vehículos – e calcinou por completo a dous deles –  no 
concello pontevedrés de Pontecesures, sen, afortunadamente, causar danos persoais.

Todo comezou ás 2:30 horas desta madrugada cando o 112 Galicia recibiu o aviso dun incendio no lugar de Redondo.

Tras ser avisados polo 112, os Bombeiros do Salnés e os membros do GES de Valga acudiron ao lugar dos feitos e puideron controlar as lapas.

Co fin de aclarar as circunstancias do suceso, tamén foron informados os axentes da Garda Civil.

Un tren sufre unha avaría ao golpear unha pedra de grandes dimensións en Rubiá

Un golpe cunha pedra de grandes dimensións en Rubiá foi a causa dunha avaría nun tren que cubría a ruta entre Madrid e Ferrol e que lle impediu continuar a marcha. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, ningunha das persoas que viaxaba no tren resultou ferida.

Debido á avaría, a pasaxe esperou no apeadoiro de Covas a chegada doutra locomotora, que remataría o traxecto.

Os feitos sucederon preto do punto quilométrico 275,300 da liña férrea, en Covas, ao fío das 5:35 horas.

Foi o persoal de Renfe quen alertou do ocorrido ao 112 Galicia. Indicaba ademais no seu relato que, a causa do impacto, o tren podería estar vertendo aceite nun río próximo ao accidente.

Así, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil e dos Bombeiros e GES de Valdeorras. Finalmente descartouse a súa intervención ao confirmar Adif que non existía risco de filtración no río.