Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha locomotora de traballos arrastra en Bergondo un vehículo co condutor no seu interior

Unha locomotora de traballos arrola, en Bergondo, un coche e ao seu condutor, que foi evacuado cunha ferida na cabeza.

Como consecuencia do accidente, está interrompida a circulación ferroviaria no eixo que une A Coruña con Monforte de Lemos ata que rematen as tarefas para a retirada dos vehículos sinistrados.

O operativo para o rescate do condutor activouse pouco antes das cinco desta madrugada, cando o 112 Galicia recibe comunicación dos equipos de seguridade de Renfe, que advirten do impacto dunha locomotora de traballos e un coche. Tamén sinalan que no interior do vehículo hai unha persoa posiblemente ferida. Por iso, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, avísase aos servizos sanitarios de urxencia e aos Bombeiros de Arteixo ante a sospeita de que o condutor estea, ademais, atrapado no interior do turismo. Unha vez no lugar dos feitos, os efectivos do parque comarcal comprobaron que a persoa está liberada e accesible, pero, iso si, necesitaba asistencia médica debido a unha ferida que presentaba na cabeza.

Do mesmo xeito, indicaron que o ferido estaba en estado ebrio, o que dificultaba a súa saída do coche. Así, en canto o sacaron, foi atendido e trasladado polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.

Igualmente, a causa do accidente cortouse o tráfico ferroviario na liña que une A Coruña e Monforte ata que poidan retirarse os vehículos sinistrados.