Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un choque múltiple a causa dun xabaril deixa un ferido en Foz

Un xabaril que interceptou a vía foi a causa de que tres vehículos que circulaban pola N-642, á altura da praia de Areoura, colidiran entre eles. Debido ao impacto, unha persoa resultou ferida, aínda que segundo se lle informou ao 112 Galicia, o seu estado non parecía revestir gravidade.

Todo sucedeu sobre as 06:30 horas desta mañá e ata o lugar, ademais dos servizos sanitarios, desprazáronse os axentes de Tráfico e os efectivos de Protección Civil da localidade. Os Bombeiros de Barreiros, os membros do GES de Cervo e o persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foron informados polo 112 Galicia.

Rescatan a unha persoa que caeu á auga no porto novo de Combarro, en Poio

Unha persoa foi rescatada ao caer á auga no porto novo de Combarro, no concello pontevedrés de Poio.

Ao fío das 21:30 horas, un alertante chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que escoitaba a unha persoa pedir socorro e que os berros procedían do mar. Decontado, os xestores de emerxencia puxeron en alerta ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061,  a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Garda Costas de Galicia.  Así mesmo, informouse á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia, a persoa que paseaba pola zona, esvarou e caeu á auga. Un particular que se encontraba preto do lugar foi quen rescatou á persoa, que se atopaba a flote e agarrada a unhas pedras, polo que, finalmente, non foi precisa a intervención dos medios de rescate.

Nada mais ser rescatada, os profesionais sanitarios encargáronse da evacuación da persoa.