Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa perde a vida a causa dun atropelo na AP-9, ao paso por Pontevedra

A AP-9 rexistrou onte á tarde un atropelo que causou a morte a unha persoa.

Ocorreu no acceso sur á autopista, en Pontevedra, cando daban as sete e media da tarde de onte.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, un vehículo alcanzou a un peón, que perdeu a vida ao sufrir lesións totalmente irrecuperables. Así o constataron os profesionais sanitarios que se desprazaron ao lugar do accidente, despois de recibir o 112 diversas chamadas doutros condutores, que foron testemuñas do sinistro e do estado no que quedou a persoa tras sufrir o impacto.

Ademais dos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, acudiron ao punto os axentes da Garda Civil de Tráfico, que tratar de coñecer todos os detalles sobre este accidente mortal.

Dous menores feridos en Cambados
Por outra banda, en Cambados, dous menores necesitaron asistencia médica como consecuencia dunha colisión por alcance entre dous turismos na rotonda de Vilariño. Sucedeu pasadas as dez da noite de onte cando un vehículo foi alcanzado por outro nun ceda ao paso. O impacto provocou lesións a dous menores que viaxaban no primeiro turismo. 

Tras recibir o 112 Galicia a chamada de alerta, activouse un operativo que formaron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil de Tráfico e membros do servizo local de Protección Civil.