Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Excarcerada unha persoa despois de envorcar o turismo no que circulaba en Guitiriz

Unha persoa resultou ferida a pasada tarde en Guitiriz ao envorcar o coche no que viaxaba. Segundo puido saber o 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba, ao quedar atrapada no interior do turismo, para que fose atendida polos servizos sanitarios.

O accidente ocorreu na A-6, concretamente no punto quilométrico 535, en sentido a Lugo.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para dar conta do sinistro ás 20:05 horas e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vilalba, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil de Guitiriz e ao servizo de mantemento da autovía.

Finalmente, a persoa ferida foi trasladada ao Hospital Universitario Lucus Augusti

Persoa excarcerada
Por outra banda, en Vigo, unha saída de vía dun coche no que viaxaban catro persoas saldouse cunha delas excarcerada. Foron os bombeiros da cidade os que interviñeron para liberar á persoa, ao fío das 2:50 horas.

Nese momento, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 alertaba ao 112 Galicia dun accidente na estrada do Bao, en Coruxo.

Nada máis ter constancia do sinistro, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local.

Unha muller trasladada despois dun incendio na cociña dunha vivenda en Vigo

Unha muller tivo que ser trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro despois de declararse un incendio na cociña da súa vivenda. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia,  o lume afectou á campá extractora.

Ocorreu na rúa Vilagarcía de Arousa, á altura do número 22, ao redor das 21:50 horas.

Unha persoa particular deu a voz de alarma ao 112 Galicia e, a partir de aí, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local.