Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Evacuado en helicóptero un traballador que caeu desde un tellado na Estrada

Un operario resultou ferido de consideración na tarde de onte no concello pontevedrés da Estrada ao caer desde un tellado mentres realizaba o seu traballo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o ferido tivo que ser trasladado en helicóptero medicalizado ata o centro hospitalario de referencia.

O accidente ocorreu sobre as 19:00 horas nunha nave industrial situada na parroquia de Santa María de Aguións. Foi a esa hora cando os profesionais sanitarios, debido á gravidade das lesións, comunicaban ao 112 Galicia a saída da aeronave medicalizada con base en Santiago.

Nada máis ter constancia do suceso, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento da Garda Civil, dos axentes da Policía Local e dos membros de Protección Civil da localidade.

Liberan a un home despois de quedar atrapado baixo o tractor que manexaba no Saviñao

Un home tivo que ser liberado polos Bombeiros despois de quedar atrapado baixo o tractor que manexaba cando realizaba traballos nunha finca no concello lucense do Saviñao.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse no lugar de Quián, na parroquia de Reiriz. Ás 21:15 horas, unha persoa particular contactaba co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) para solicitar axuda. Indicaba que un home quedara atrapado baixo a máquina agrícola que manexaba. De acordo co relato do alertante, o ferido atopábase nesta situación dende as 15:00 horas.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Chantada para proceder á liberación do home, que foi trasladado polos  profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.

Ademais dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento e do equipo sanitario, participaron neste operativo os axentes da Garda Civil. Desde o 112 Galicia avisouse tamén aos voluntarios de Protección Civil do Saviñao por se fose necesaria a súa colaboración.

Un motorista resulta ferido de consideración tras colidir contra un turismo en Vigo

Un motorista resultou ferido de consideración despois de colidir a moto que conducía contra un turismo cando circulaban pola Avenida de Fragoso, á altura do número 74, na cidade de Vigo.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia, o motorista, tras chocar contra o turismo caeu ao chan. Por iso, foi necesaria a intervención de urxencia dos profesionais sanitarios, que nada mais chegar, trasladaron ao ferido ata o centro hospitalario de referencia.

Eran sobre as 22:00 horas da pasada noite, cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar do sinistro e solicitar asistencia médica para o motorista. Indicaba que o ferido estaba inconsciente.

Así con estes datos, os xestores do 112 Galicia pasaron aviso de inmediato a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vigo, aos axentes da Policía Local e aos membros de Protección Civil da cidade.