Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas persoas resultan feridas en Curtis tras saírse da vía o vehículo no que viaxaban

Unha saída de vía na N-634, á altura da parroquia de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, saldouse con dúas persoas trasladadas na noite de onte.

O accidente tivo lugar ao fío das 23:00 horas. Nese momento, un particular contactou co 112 Galicia para informar de como un vehículo se saíra da vía no lugar de Illana. Malia que as testemuñas do sinistro non foron capaces de atopar o punto exacto onde se produciu o incidente, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Betanzos e dos membros do GES de Curtis.

Minutos máis tarde outro alertante chamou ao 112 para solicitar axuda, pois un familiar indicoulle que sufrira un accidente naquela localidade e necesitaba auxilio para abandonar o turismo no que circulaba.

Con estes datos, os equipos de emerxencia que acudiron ao lugar dos feitos atoparon o coche accidentado e puideron evacuar aos feridos ata o centro hospitalario de referencia.

Cómpre sinalar que os efectivos de intervención descartaron o uso do material de excarceración tras comprobar que os feridos estaban liberados e accesibles.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil de Tráfico e tamén do servizo de mantemento das estradas.

Saída de vía en Ponteareas
Por outra banda, unha persoa foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo despois de saírse da vía co seu vehículo na estrada que une Ponteareas a Fontenla.

Ás 19:45 horas da tarde de onte, a chamada dun particular puxo en alerta aos xestores do 112 Galicia. Segundo a información facilitada, ao sufrir o accidente, o ocupante do turismo atopábase indisposto e necesitaba asistencia sanitaria.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisouse aos servizos sanitarios, aos membros do GES-SPEIS Ponteareas, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e tamén aos efectivos de protección Civil da localidade.

Atopan ao home desaparecido en Monterrei

Ao fío das 23:00 horas da pasada noite, un veciño atopou ao home que se buscaba en Monterrei, en Leiro, na zona de Muíños. O desaparecido, unicamente presentaba algunha rabuñada no seu corpo polo que, afortunadamente, non foi precisa a intervención dos servizos sanitarios.

Cómpre destacar que no dispositivo coordinado, en todo momento, pola Garda Civil participaron ademais dos familiares, veciños e os axentes, persoal do concello, membros do GES de Laza e efectivos de Protección Civil de Cualedro-Monterrei, de Xinzo e de Verín .

Así mesmo, a Unidade de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) tamén se sumou á procura despois de que os axentes, solicitaran a súa colaboración ao 112 Galicia.