Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Perde a vida o ocupante dun turismo que se saíu da vía en Melide

Unha persoa faleceu e outra resultou ferida leve despois de saírse da vía e envorcar o vehículo no que viaxaban, en Melide.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro produciuse pasadas as once da noite pasada na DP-4604, no vial que une a localidade con Toques. Alí acudiron os voluntarios de Protección Civil e os Bombeiros de Arzúa ante a posibilidade de que os ocupantes estivesen atrapados. Sen embargo, unha vez no lugar, puideron comprobar que a vítima estaba liberada e accesible, aínda que sen vida. 

Pola súa banda, o outro ocupante sufriu lesións leves, polas que foi atendido por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no mesmo sitio do accidente sen que fose necesario o seu traslado a un centro hospitalario. 

Tamén acudiu unha patrulla da Garda Civil de Tráfico co fin de aclarar as circunstancias nas que se produciu o sinistro, xa que o vítima, que conducía o coche, acabou no asento do copiloto, mentres que o segundo ocupante estaba fóra do coche e con feridas leves.

Cómpre salientar que este operativo púxose en marcha tras recibir no 112 Galicia a chamada dunha persoa particular, que avisou da grave situación na que se atopaba o condutor. 

O condutor dun coche marcha co lugar do accidente antes da chegada da axuda
Ademais, o condutor dun turismo marchou do lugar despois de saírse da vía o vehículo que manexaba e bater contra o portal dunha casa en Muíños, Muxía. Así o explicaron os Bombeiros de Cee ao persoal do 112 Galicia unha vez que acudiron ao punto para comprobar o estado dos ocupantes do vehículo. Á súa chegada, no interior do coche estaba o copiloto, que tivo que ser evacuado ao centro hospitalario de referencia debido ás lesións provocadas polo impacto.

Desde o 112 Galicia, tamén se informou aos voluntarios de Protección Civil e aos axentes da Garda Civil de Tráfico para tratar de coñecer todos os detalles do sinistro.