Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Rescatan da auga a un home en apuros nunha praia de Poio

Os socorristas da praia de Xiorto, en Poio, rescataron da auga cos bañistas que se atopaban neses intres no areal, a un home que se sentiu indisposto mentres se bañaba. O home, segundo informaron os socorristas, presentaba dificultades para respirar e foi evacuado polos servizos sanitarios ao Hospital Montecelo de Pontevedra.

Foi unha persoa particular quen, ás 19:30 horas da pasada tarde, chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia sanitaria para un home que sufrira unha indisposición e que xa rescataran da auga. Indicaba, ademais, que estaba sendo atendido polos socorristas.

Ata o lugar, tras ser alertados polo 112 Galicia, desprazouse decontado o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que confirmou o traslado en ambulancia do paciente.

 

 

 

Un accidente entre tres vehículos deixa tres persoas feridas no Porriño

Tres persoas resultaron feridas tras verse implicadas nun accidente entre tres vehículos.

Ocorreu na Avenida de Galicia, no concello pontevedrés do Porriño.

Ata o lugar desprazáronse, tras ser alertados polo 112 Galicia ao recibir o aviso a través dun particular dez minutos antes das 20:00 horas da tarde pasada, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil. Tamén, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Baixo Miño.

Así, unha vez no punto, os efectivos de Protección Civil comunicaron que no primeiro vehículo viaxaba o condutor e dous bebés que, afortunadamente, resultaron ilesos. Pola contra, o ocupante e o condutor do segundo turismo e a condutora do terceiro vehículo foron trasladados polo persoal sanitario ao Hospital Concheiro de Vigo.

 

Un incendio derrúe parte dun invernadoiro en desuso con diverso material almacenado en Fisterra

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do lume pasados dez minutos das 06:00 horas desta mañá.

Ata o lugar acudiron decontado os Bombeiros de Cee, os efectivos de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil,  nada mais ser alertados polo 112, tras recibir o aviso dun particular. Segundo o seu relato, ardían invernadoiros abandonados e escoitábanse estoupidos nunha finca privada, situada na Avenida da Anchoa, en San Martiño de Duio.

Unha vez que os Bombeiros xunto cos efectivos de Protección Civil deron por finalizadas as tarefas de extinción, confirmaron que se tratou dun galpón de grandes dimensións, divido en dúas partes, unha delas estaba baleira e a outra, que  almacenaba diverso material e que foi arrasada polas lapas. De feito, indicaron que arderan dous vehículos, un xerador, diverso material de construción e outros materiais diversos. Ademais, por fortuna, os profesionais de extinción puideron controlar as lapas e evitar que afectasen a unha casa contigua, propiedade duns veciños.

Polo momento, descoñécense as causas que puideron orixinar o lume. As Forzas da Orden encárganse da investigación do suceso.

Hóspede dun hotel evacuado
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta madrugada a unha persoa que resultou afectada por inhalación de fume despois de rexistrarse un incendio na habitación do hotel no que se hospedaba, situado fronte a Rúa Orotava.

O incendio, segundo informaron os Bombeiros de Ponteareas ao 112 Galicia, que acudiron ao punto nada mais recibir a chamada de alerta, foi extinguido polos mesmos axentes da Policía Local, que tamén se desprazaron decontado ata o lugar. Ademais, por precaución, o inmoble foi desaloxado por completo mentres duraron as tarefas de extinción. Ardeu  unicamente unha mesa, unha cadeira e unha manta.

Ademais dos Servizos Sanitarios de Urxencia de Galicia-061, dos Bombeiros de Ponteareas e da Garda Civil tamén foron informados os Bombeiros de Vigo e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez extinguido o lume, os hóspedes volveron ás súas habitacións, excepto a cuarta planta do hotel, que quedou en desuso tras verse moi afectada polo fume.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio sobre a 01:30 horas desta madrugada.

Arden unha autocaravana e dous coches
Por outra banda, ás 00:00 horas desta madrugada unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para informar dunha autocaravana ardendo, na rúa  Ramón Bares, no termo municipal de Bueu. Aseguraba que había mais coches ao redor. Neses intres, tamén contactaba co 112 Galicia a Policía Local, indicaban que estaban xa no punto, que non había persoas afectadas pero que se precisaban medios para extinguir o lume.

Aínda que non se tiña constancia de que houbese persoas afectadas, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron igualmente unha ambulancia ao punto. Así mesmo, foron avisados os Bombeiros do Morrazo e os efectivos de Protección Civil.

Finalmente, tras chegar ao lugar e constatar que ninguén resultara ferido,  os Bombeiros extinguiron o lume na súa totalidade e confirmaron que arderan unha autocaravana e dous turismos.

Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o lume.