Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Os bombeiros interveñen para liberar a unha persoa atrapada nun vehículo tras unha colisión en San Cibrao das Viñas

Unha colisión con tres coches implicados deixa un ferido atrapado en San Cibrao das Viñas.

O 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros de San Cibrao, así como aos membros do GES de Pereiro de Aguiar para liberar ao ferido e facilitar a súa atención por parte dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro rexistrouse ás 23:30 horas de hoxe na N-525, no punto quilométrico 229, ao paso polo lugar da Reboreda. Alí tres vehículos colidiron e un deles quedou atrapado contra a protección da beiravía. No interior, o ocupante quedou sen posibilidades para saír polos seus propios medios, polo que deberon intervir os Bombeiros de San Cibrao e os membros do GES de Pereiro de Aguiar. Unha vez fóra do coche, o ferido foi evacuado ao centro hospitalario de referencia.

No operativo tamén participaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e o persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas.

Un ferido de consideración en Redondela
Por outra banda, o 112 Galicia rexistrou na tardiña de onte outro accidente no que se viron implicados un turismo e unha moto. Como consecuencia do impacto, os dous ocupantes da moto resultaron feridos, un deles con lesións de consdieración, polo que foron evacuados ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Cómpre sinalar que o accidente produciuse ás 20:30 horas de onte na N-552, en Chapela (Redondela). Foi unha testemuña do accidente quen contactou co 112 Galicia para solicitar asistencia médica para os motoristas, pois, malia estar conscientes presentaban importantes lesións. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como dos voluntarios de Protección Civil da localidade e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Dous bombeiros necesitaron asistencia médica durante a extinción dun incendio que calcinou parte dunha vivenda en Fisterra

Os servizos sanitarios de urxencia subministran osíxeno a dous bombeiros exhaustos pola extinción dun incendio, que alcanzou altas temperaturas e dificultou a actuación dos efectivos de salvamento.

Ocorreu pasadas as 23 horas de onte na Avenida da Coruña, en Fisterra, onde resultou calcinada parte dunha vivenda con tres andares. Ademais dos bombeiros, ninguén resultou ferido, pois a casa estaba desocupada no momento de producirse o lume.

As lapas e o fume chamaron a atención dos veciños que, decontado, contactaron co 112 Galicia para alertar sobre o que sucedía. Un incendio cebouse co segundo andar dunha casa e alcanzou tal grao de temperatura que dificultou as tarefas de extinción os Bombeiros de Cee. De feito, dous deles necesitaron asistencia médica debido ao esforzo e falta de osíxeno.

Aínda que os maiores danos producíronse no segundo andar, en xeral, toda a casa viuse afectada polo fume e polo lume.

Ademais dos Bombeiros de Cee, no extinción do incendio colaboraron os voluntarios de Protección Civil da vila e os axentes da Garda Civil. Tamén interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.