Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un incendio na cúpula da sede do Celta xerou unha corentena de chamadas de alerta ao 112 Galicia

Un incendio na cúpula da sede do Celta causa a alarma na cidade de Vigo. 

Por fortuna, ninguén resultou afectado e os danos limitáronse a unhas macetas e parte dunha tarima.

Sen embargo, o lume podía percibirse desde diferentes puntos da Rúa Príncipe con Velázquez Moreno, o que motivou unha corentena de chamadas ao 112 Galicia de persoas particulares que informaban do mesmo: había un lume na cúpula da sede do Celta. Así, informouse aos Bombeiros de Vigo, así como a Policía Nacional e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por precaución.

Finalmente, ninguén resultou ferido e os danos limitáronse a unhas macetas e parte dunha tarima. Iso si, foi necesario desaloxar todo o edificio e a tenda co fin de garantir a seguridade no tempo que duraron as tarefas de extinción.

En apenas hora e media, as primeiras chamadas recibíronse ás 19:30 horas de onte, o incendio estaba completamente apagado. 

Calcinado un garaxe anexo en Sanxenxo
Por outra banda, o 112 Galicia tivo coñecemento dun incendio que calcinou por completo un garaxe anexo a unha vivenda no que se gardaban pinturas, combustible e outras pertenzas. A proximidade coa vivenda provocou que o fume chegase a afectar a unha cociña e un baño. Por fortuna, ninguén necesitou asistencia médica e os Bombeiros de Ribadumia fixeron fronte, xunto cos membros do GES de Sanxenxo, ao incendio que comezou pasadas as seis da tarde de onte no lugar de Rouxique, en Sanxenxo.

Os equipos de emerxencias rescataron con chalecos salvavidas a catro persoas illadas polo aumento do caudal do río en Leiro

Os equipos de emerxencias rescataron mediante o uso de chalecos salvavidas a catro persoas sorprendidas polo aumento do caudal do río, en Leiro.

Un operativo que se activou na tarde de onte, ás 18:30 horas, despois de recibir o 112 Galicia a chamada dun dos afectados. Na súa locución, indicaron que se estaban en perfecto estado de saúde, pero eran incapaces de alcanzar a beira debido ao aumento do caudal. 

Para rescatalos, o persoal do 112 Galicia solicitou a colaboración dos Bombeiros do Carballiño, así como dos membros do GES de Ribadavia e dos responsables da empresa xestora do encoro de Albarellos co fin de regular o caudal e facilitar a saída das catro persoas illadas. Entre esta medida e o uso de chalecos salvavidas, lograron sacar ás persoas, que estaban en perfecto estado.