Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un home faleceu tras producirse a explosión dunha caldeira en Negreira

Un home perdeu a vida tras esbourar a caldeira de leña que trataba de poñer en funcionamento en Rons, Negreira.

A explosión provocou danos estruturais no alboio onde se atopaba o depósito de auga quente ata o punto de derrubarse parte da construción e deixar atrapada á vítima. Así, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos Bombeiros de Santa Comba, que, xunto cos membros do GES de Brión, procederon a rescatar ao falecido entre os cascallos. 

Pola súa parte, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 só puideron confirmar a morte do home, que, segundo indicou a dona da casa, sufriu o estoupido da caldeira cando intentaba poñela en funcionamento.

Foi un veciño quen, pasadas as oito da tarde de onte, avisou primeiro aos axentes da Garda Civil e, posteriormente, relatou a través do 112 Galicia as circunstancias que provocaron a morte a este home. A información facilitada permitiu activar un operativo no que, ademais de bombeiros, sanitarios e axentes de seguridade, participaron voluntarios de Protección Civil da localidade.