Alertas activas:

Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un condutor avisa a través do sistema ecall de que sufriu un accidente ao quedar durmido

Un condutor comunica a través do sistema de aviso ecall que tivo un accidente tras quedar durmido.

Ocorreu na AC566, ao paso polo concello de Narón, cando pasaban uns minutos das seis desta mañá.

Tras impactar o vehículo contra unha rotonda, activouse o sistema instalado no coche, que permite a comunicación directa dos operadores do 112 Galicia co interior do habitáculo. Desta maneira, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puideron saber que o condutor estaba consciente, aínda que reaccionaba con dificultade. Non obstante, foi quen de explicar ao persoal do 112 Galicia que sufrira unha colisión despois de quedar durmido.

Con estes datos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, tras os primeiros coidados, trasladaron ao ferido ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Ademais, foron alertados os axentes da Policía Local, que xa tiña coñecemento do suceso a través de algúns veciños que foron testemuñas da colisión.

Igualmente, interviñeron os Bombeiros de Narón, pois o condutor tiña dificultades para saír do vehículo. 

En canto aos restos do accidente que quedaron na vía, o persoal do 112 Galicia pasou aviso aos efectivos da Axencia Galega de Infraestruturas debido, entre outros danos, á cantidade de terra acumulada na calzada e procedente da rotonda contra a que colidiu o turismo.