Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha muller foi trasladada despois de envorcar o turismo no que circulaba en Cee

Unha muller resultou ferida a pasada tarde en Cee ao envorcar o turismo no que viaxaba. Segundo a información recollida no 112 Galicia, a muller accidentada foi trasladada ao Hospital Virxe da Xunqueira tras saír do vehículo sinistrado polos seus propios medios.

Os feitos sucederon na saída de Brens, en sentido a Buxantes, ás 18:55 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de Protección Civil, dos Bombeiros de Cee e da Garda Civil de Tráfico.

Un menor en bicicleta foi atropelado en Silleda
Por outra banda, no termo municipal pontevedrés de Silleda, un mozo que circulaba en bicicleta tivo que recibir asistencia médica durante a pasada tarde despois de ser atropelado por un vehículo na parroquia de Siador, concretamente na estrada que une Silleda e Laro.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao fío das 19:10 horas. O persoal médico indicaba no seu relato que o alertante atopara ao menor ferido e tendido no asfalto e este engadía que o vehículo implicado dérase a fuga.

Con estes datos, desde Emerxencias 112 Galicia pasouse o aviso á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos Bombeiros de Silleda.

Segundo lle indicou ao 112 Galicia o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o mozo foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Un membro do GES resulta ferido nunha intervención en Ortigueira
Un efectivo do GES de Ortigueira resultou ferido e tivo que ser trasladado a un centro hospitalario ao dislocar un ombreiro, cando interviña nun operativo posto en marcha por unha saída de vía na parroquia de Senra, que se saldou só con danos materiais.

Segundo puido saber o 112 Galicia, o membro do GES de Ortigueira foi levado polos seus compañeiros a un hospital.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia, ás 1:10 horas, para informar do accidente e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención da Garda Civil de Tráfico, do GES de Ortigueira e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Un home foi trasladado por intoxicación de fume tras un incendio nun piso en Monforte de Lemos

Un home de idade avanzada precisou asistencia médica a pasada noite en Monforte de Lemos despois de producirse un incendio nun piso, no que arderon uns periódicos e unhas cortinas. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia polos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o varón foi trasladado ao Punto de Atención Continuada, ao presentar síntomas de intoxicación por inhalación de fume.

O incendio tivo lugar na Rúa de Roberto Baamonde, ao fío das 3:15 horas. Foi a esa hora cando unha persoa que habita na vivenda daba conta do incendio ao 112 Galicia e, acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Monforte, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.