Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas persoas resultan feridas ao alcanzar un animal na vía o turismo no que circulaban en Tomiño

Dúas persoas resultaron feridas a noite pasada en Tomiño despois de que o coche no que viaxaban impactase contra un animal que interceptou na vía, concretamente na estrada que vai a Tebra. Segundo a información recollida no 112 Galicia, as dúas persoas accidentadas precisaron ser trasladadas ao centro médico de referencia.

Foi unha persoa particular quen alertou do sucedido ao 112 Galicia ás 23:05 e, acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES da Guarda, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada.

Colisión entre dous coches en Vigo
Por outra banda, dúas persoas resultaron feridas a pasada tarde en Vigo ao colidir outros tantos coches e bater un deles contra unha árbore na Rúa Coruña.

Os feitos sucederon preto das 20:15 horas. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar do accidente e, decontado, os xestores de Emerxencias 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e aos Bombeiros de Vigo.

Segundo puido saber o 112 Galicia, as dúas persoas feridas foron trasladadas a un centro médico nunha ambulancia.

Unha muller resultou ferida ao ser atacada por dous cans na Praia de Lourido, en Poio

O 112 Galicia tivo coñecemento a pasada noite dun ataque de dous cans a unha muller nas proximidades da Praia Lourido, no termo municipal pontevedrés de Poio.

Segundo o relato da persoa particular que contactou co 112 Galicia para dar conta dos feitos, os dous cans estaban soltos polo areal e atacaron tanto á muller coma, tamén, ao seu can.

Nada máis recibir a alerta, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil, do GES de Sanxenxo e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio.