Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha colisión entre unha moto e unha máquina agrícola deixa unha persoa ferida en Arzúa

A persoa ferida foi evacuada ao Hospital Clínico polos servizos sanitarios nas primeiras horas da mañá de hoxe.

O accidente entre unha moto e unha máquina agrícola tivo lugar poucos minutos despois das seis horas na Avenida Santiago, no concello coruñés de Arzúa. Segundo o relato das testemuñas do suceso, o motorista necesitaba axuda médica urxente.

Así, nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Arzúa e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Cómpre sinalar que desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tamén pasouse aviso á Policía Local e aos membros de Protección Civil de Arzúa.

Atropelado polo seu tractor en Mondariz
Por outra banda, outro sinistro cunha máquina agrícola tivo lugar na noite de onte na localidade de Mondariz. Nesta ocasión, unha persoa resultou ferida e foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro despois de ser alcanzada polo vehículo que manexaba.

De acordo co relato dos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, dúas persoas circulaban nun tractor pola PO-252, á altura da parroquia de Riofrío, cando unha delas caeu e foi atropelada pola mesma máquina agrícola.

Ao recibir o aviso, desde o 112 Galicia informouse de inmediato aos servizos sanitarios de urxencia, aos membros do GES-SPEIS Ponteareas, aos efectivos de Protección Civil de Oitavén-TEA e aos axentes da Garda  Civil de Tráfico.