Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

O Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA continúa en Ponteceso achicando auga nos locais afectados polo desbordamento do Anllóns

Malia que se contempla un descenso significativo no caudal do Anllóns, ao seu paso por Ponteceso, o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias traballou durante toda a noite e continúa no lugar con dúas bombas activas para achicar a auga nos distintos locais que se viron afectados polas riadas.  

Cómpre sinalar, que continúa a vixilancia sobre os ríos en todas as concas galegas por si se puideran producir aumentos considerables nos seus caudais e puidesen provocar enchentes puntuais, como é o  caso do río Anllóns en Ponteceso e do Miñor ao seu paso por Gondomar, que veñen de superar os limiares establecidos.

Por elo, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Especial para o risco de Inundacións (INUNGAL) ante a posibilidade de que poidan producirse novos desbordamentos como consecuencia da situación meteorolóxica vivida nas últimas horas.