Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un ciclista resultou ferido de consideración tras sufrir unha caída en Cambados

Unha caída provocou lesións graves a un ciclista que circulaba polo lugar de Laxes, en Cambados.

O suceso rexistrouse no 112 Galicia pouco antes das dez desta mañá tras recibir a chamada dun particular que pedía asistencia médica urxente para o ciclista ao que se lle cruzou un can e caeu ao chan. Como consecuencia do golpe, o home sufriu importantes lesións nunha perna, posiblemente fracturada.

Desde o 112, pediuse a colaboración dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que evacuaron ao ferido ao Hospital do Salnés, e aos axentes da Policía Local co fin de determinar as circunstancia do accidente. 

Caída por un terraplén na Pobra do Brollón
Por outra banda, un vehiculo saíuse da vía e caeu por un terraplén cando circulaba pola N-120, na Pobra do Brollón. Afortunadamente, a condutora puido saír do coche polos seus propios medios e, aínda que recibiu asistencia médica, o seu estado non reviste gravidade.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o accidente produciuse ás 11:30 horas de hoxe no lugar de Barxas de Lor e alí acudiron os Bombeiros de Monforte, que descartaron intervir debido en canto comprobaron que a condutora estaba fóra do vehículo.