Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Falece un operario en Cerceda ao caerlle unha árbore encima

Un traballador faleceu esta mañá ao caerlle unha árbore encima en Cerceda. Sucedeu no lugar de Queixas, ao fío das 11:10 horas.

Nese momento, unha persoa particular alertaba do accidente laboral ao 112 Galicia. Acto seguido, os xestores do CIAE-112 pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou ata o lugar dos feitos ao helicóptero medicalizado con base en Santiago. Ademais, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Garda Civil, dos Bombeiros de Ordes, de Protección Civl e da Policía Local.

Unha vez no lugar do accidente laboral, os profesionais sanitarios nada puideron facer por salvar a vida do home.

Tres persoas feridas en Sarreaus nunha colisión entre dous coches

Unha colisión entre dous coches saldouse con tres persoas feridas esta mañá en Sarreaus. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as tres vítimas tiveron que ser trasladadas a un centro médico.

O accidente ocorreu na OU-P-117, á altura do cruce de Vilar de Barrio a Xinzo, ao fío das 11:30 horas. Foi unha persoa particular quen deu o aviso do sinistro ao 112 Galicia e, a partir de aí, o persoal do 112 Galicia solicitou a colaboración do 061-Urxencias Sanitarias, do GES de Laza, dos Bombeiros de Xinzo e de Protección Civil de Vilar de Barrio.

Os servizos de emerxencia traballan na extinción dun lume declarado nunha nave industrial no Porriño

O CIAE 112 Galicia recibiu unha alerta a través dos Bombeiros do Baixo Miño, ás 11:40 horas, por un incendio industrial declarado na nave número catro do Polígono das Gándaras, no Porriño.

Nestes momentos os servizos de emerxencias traballan na súa extinción. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume está a afectar a uns filtros de grandes dimensións próximos a un silo de áridos.

Nada máis ter constancia do incendio, desde o CIAE-112 Galicia informouse tamén aos Bombeiros de Vigo e se pasou o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, á Garda Civil e a Protección Civil.