Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Falece o condutor dun turismo que puido sufrir unha indisposición en Muxía

O condutor dun turismo resultou falecido esta mañá despois de sufrir, posiblemente, unha indisposición e saírse da vía co seu vehículo.

Ocorreu pasadas as once horas desta mañá na DP-2303, ao paso polo concello de Muxía, a onde acudiu un equipo médico a bordo do helicóptero con base na cidade de Ourense sen que puidesen facer nada por salvar a vida da persoa.

Precisamente, as labores de asistencia ao condutor obrigaron a interromper o tráfico, á altura do cruce coa parroquia de Montesiños.

Foi a chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia a que deu conta dun turismo parado na vía. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que enviaron á zona un equipo a bordo do helicóptero. Con todo, nada puideron facer por salvar a vida da persoas, que entrara en parada cardiorrespiratoria.

Este operativo o completaron axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local e voluntarios de Protección Civil da localidade.

Falece un motorista nun accidente de tráfico en Bergondo

Un home que circulaba nunha moto faleceu esta mañá nun accidente no que se viron implicados ademais un turismo e un camión na N-VI, á altura de Bergondo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o accidente produciuse cando o coche colidiu contra o camión e, ao perder o control, bateu finalmente contra o vehículo no que viaxaba o falecido.

Os feitos sucederon na parroquia de Guísamo, ao fío das 8:15 horas.

Foi a esa hora cando unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do ocorrido. A partir de aí, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención dos voluntarios de Protección Civil de Bergondo e dos Bombeiros de Betanzos.

A pesar dos esforzos dos servizos de emerxencia, nada puideron facer por salvarlle a vida ao motorista.

O condutor dun camión excarcerado tras envorcar en Ponteceso

O condutor dun camión de obras resultou ferido esta mañá en Ponteceso despois de que o vehículo no que circulaba envorcase en Ponteceso. Segundo puido saber o 112 Galicia, o home tivo que ser excarcerado e evacuado en helicóptero ao Centro Hospitalario Universitario da Coruña.

Foi unha persoa particular quen contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para informar do accidente poucos minutos despois das 10:00 horas.

Segundo o relato do alertante, o condutor do camión necesitaba axuda ao quedar atrapado tras envorcar co seu vehículo na estrada de Carballo a Ponteceso ao paso pola parroquia de Tella.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención do persoal sanitario que mobilizaron a aeronave medicalizada con base en Santiago ademais, informouse do sucedido aos Bombeiros de Carballo, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e membros do GES de Ponteceso. Tamén se informou á Policía Local e Protección Civil da localidade.

Mentres duraron estes traballos, a circulación pola zona viuse interrompida, xa que o camión ocupaba os carrís da estrada. Con todo, para recuperar as condicións de seguridade na vía, actuaron no punto o persoal de limpeza e mantemento debido a perda de combustible carga do vehículo.