Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Os bombeiros rescatan do río o corpo sen vida dunha muller en Petín

O corpo sen vida dunha muller foi localizado en augas do Río Sil, ao seu paso por Petín.

Un equipo de bombeiros a bordo dunha embarcación pneumática recuperaron o cadáver para a súa identificación.

Segundo a información recibida no 112 Galicia a través da Garda Civil, o corpo foi avistado ás 9:30 horas desta mañá á altura da Ponte Romana da Cigarrosa. Así, co fin de recuperar o cadáver, os axentes solicitaron a intervención dos efectivos do Parque de Bombeiros de Valdeorras, que mediante unha embarcación accederon ao corpo e o levaron ata a beira para a súa posterior identificación. 

De momento, descoñécense as causas do falecemento.

Unha colisión entre dous turismos e un autobús deixa dúas persoas feridas en Cuntis

Dúas persoas necesitaron asistencia médica despois de colidiren dous turismos e un autobús na N-640, ao paso pola localidade pontevedresa de Cuntis.

Tamén a circulación foi interrompida mentres duraron as labores de asistencia aos feridos e retirada dos vehículos sinistrados.

Segundo indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda, a colisión produciuse minutos antes das nove desta mañá á altura do Campo de Fútbol da Ran. Alí acudiron os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias para atender a dous feridos, dos cales un foi evacuado en ambulancia, mentres que outra persoa decidiu acudir a un centro médico pola súa conta. 

Igualmente, neste operativo colaboraron os membros do GES da Estrada e os axentes da Garda Civil de Tráfico, pois por mor do accidente, a circulación quedou interrompida ata a finalización de asistencia, limpeza e retirada dos danos provocados polo impacto. De feito, desde o 112 Galicia, informouse ao persoal de telefónica debido a que o autobús bateu tamén contra un poste.