Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Mañá accidentada en Galicia con catro sinistros e outros tantos feridos en diversos puntos da Comunidade

O 112 Galicia atendeu esta mañá catro accidentes nos que resultaron feridas de consideración outras tantas persoas.

Os sinistros sucedéronse nestas últimas horas en diferentes puntos da rede viaria e na maior parte dos casos foi necesaria a intervención dos equipos de rescate e extinción.

De feito, foron os Bombeiros de Boiro e os membros do GES de Brión os encargados de sufocar un incendio provocado pola saída de vía dun camión que caeu por un terraplén e acabou nun regato. Ocorreu ás 9:30 horas de hoxe na DP-1105, en Tállara, ao paso polo concello coruñés de Lousame, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso.

Malia á situación na que quedou o vehículo, completamente calcinado, o condutor estaba liberado e accesible e foi evacuado polos efectivos do 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Clínico de Santiago consciente. 

Pola súa banda, os servizos de extinción traballaron para apagar o lume que afectou algo á contorna e devorou o camión. Tamén foi necesaria a instalación de barreiras de contención no regato de Tállara para frear o derrame de combustible procedente do depósito do vehículo e tivo que intervir un equipo de limpeza e mantemento da Deputación da Coruña debido aos danos provocados na vía a causa da caída do camión.

Igualmente, o operativo completouse cos axentes da Garda Civil de Tráfico, os voluntarios de Protección Civil de Lousame, efectivos do servizo local de emerxencias de Boiro e o persoal do distrito forestal da zona.

Coche envorcado en Salceda
Pouco despois, ás 10:15 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que alertaba dun vehículo envorcado lateralmente sobre un noiro cunha persoa atrapada no interior. Sucedeu na PO-510, en Salceda de Caselas e alí acudiu unha dotación do Parque de Bombeiros do Baixo Miño para liberar ao condutor.

Unha vez fóra do vehículo, o ferido foi atendido e evacuado polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias para ser atendido dos diversos traumatismos provocados polo impacto. 

Atrapado entre un camión e un muro en Arteixo
Tamén en Arteixo tiveron que intervir os bombeiros para rescatar a un camioneiro que quedou atrapado entre un muro e o seu vehículo. 

O 112 Galicia tivo coñecemento da situación mediante a chamada de alerta dun veciño ás 10:45 horas de hoxe. Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, pediuse a colaboración dos efectivos de Arteixo, pois o condutor do camión quedou atrapado polo seu propio vehículo, ao que se lle soltou a marcha.

Segundo explicaron os bombeiros, o ferido manexaba un camión porta contedores, que comezou a desprazarse cando o condutor se apeou do vehículo para manobrar co guindastre que leva incorporado. Deste xeito, o camión sen condutor bateu contra un poste e deixou ao camioneiro atrapado polas pernas.

O sinistro produciuse na parroquia arteixana de Morás. En concreto, na Rúa Mulleres Afganas.

Atropelo a un ciclista
Por último, ás 11:15 horas, un ciclista resultou ferido despois de ser alcanzado por un furgón na estrada que vai a Baiona.

Testemuñas do accidente aseguraron a través do 112 Galicia que o conductor do vehículo implicado continuou a marcha. Deste xeito, ademais dos servizos sanitarios de urxencia, ao lugar acudiron os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico.