Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa resultou afectada polo fume dun incendio declarado na súa vivenda en Narón

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a un veciño de Narón con síntomas de intoxicación por inhalación de fume dun incendio declarado na súa vivenda.

O afectado foi trasladado ao Centro de Saúde da localidade para ser sometido a unha revisión médica, mentres os equipos de extinción sufocaron o incendio, que danou o mobiliario dunha habitación.

De feito, segundo sinalaron os Bombeiros de Narón, o fume quedou confinado na habitación danada e iso impediu que o resto da vivenda se vise afectada. 

A intervención dos efectivos de emerxencias produciuse pasadas as once desta mañá, cando os ocupantes da vivenda chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda por mor do intenso fume concentrado no interior da casa. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Narón, á Policía Local e aos profesionais de Urxencias Sanitarias-061, que trasladaron a unha persoa ao centro de saúde.

Pola súa banda, os equipos de extinción fixeron fronte ás lapas que alcanzaron a parte do mobiliario e un ordenador dunha habitación dunha vivenda situada na Rúa García Sabadell.

Incendio a carón dunha nave de polos en Malpica
Ademais, o 112 Galicia tivo constancia dun incendio a carón dunha nave de polos situada na Trémoa, en Malpica de Bergantiños. Por fortuna, ninguén resultou ferido e ningún animal sufriu por mor deste lume que comezou no exterior da nave, onde trataban de quentar auga. Algunhas muxicas saltaron a un feixe de leña e plantaron lume. 

Non obstante, só houbo danos materiais, como unha estancia na que gardaban utensilios, a leña acumulada e un aparato eléctrico.