Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha colisión múltiple sáldase cunha muller ferida en Sada

Unha muller precisou asistencia médica esta mañá despois de producirse unha colisión na que se viron implicados cinco turismos en Sada. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima foi trasladada a un centro hospitalario polos servizos sanitarios.

O accidente tivo lugar na DP-5813, ao fío das 10:10 horas. Foi nese momento cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do sinistro.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico, do Servizo Municipal de Protección Civil e dos Bombeiros de Betanzos.

Tráiler envorcado
Por outra banda, en Trasmiras, un tráiler que transportaba vehículos envorcou esta mañá e o seu condutor resultou ferido. Ocorreu no punto quilométrico 173 da A-52, en sentido a Benavente, uns minutos antes das 8:30 horas.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, un dos coches que cargaba o camión caeu á vía de circulación por mor do impacto.

Foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para alertar do ocorrido e, nada máis ter constancia dos feitos, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Xinzo de Limia.