Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha caída causa diversas lesións de consideración ao tripulante dun barco atracado no Porto Exterior de Ferrol

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá ao tripulante dun buque atracado no Porto Exterior de Ferrol.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o operario sufriu unha caída de altura que lle provocou diversas lesións de consideración, polo que foi trasladado ao Hospital Arquitecto Marcide.

Ocorreu ás 9:30 horas desta mañá no Porto Exterior de Ferrol, onde está atracado o buque Bosnia, de nacionalidade filipina, escenario deste accidente. Alí acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para trasladar ao ferido ao Hospital Arquitecto Marcide, afectado por diversas lesións de consideración. 

Co equipo sanitario colaborou, tamén, o persoal da Autoridade Portuaria e os axentes da Policía Local e Nacional. Segundo os datos achegados polo organismo portuario, malia as feridas que presentaba, o tripulante foi trasladado consciente. 

Os bombeiros colaboran para liberar ao ocupante dun turismo que se saíu da vía en Vigo

Os bombeiros colaboraron co equipo médico para liberar ao ocupante dun vehículo ferido tras saírse da vía en Sanjurjo Badía, en Vigo.

Trátase dun accidente rexistrado no 112 Galicia pasadas as sete desta mañá, que motivou a intervención dos efectivos do parque municipal e dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Así, o ferido foi evacuado por unha ambulancia en canto os bombeiros da cidade lograron sacar ao ocupante atrapado no interior.