Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un vehículo choca contra unha árbore despois de saírse da vía na Fonsagrada

Unha saída de vía no concello lucense da Fonsagrada pon en alerta aos servizos de emerxencia na mañá de hoxe.

Os feitos tiveron lugar ao fío das 11:30 horas. A esa hora, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular informando dun vehículo que se saíra da vía na LU-P-4606 e chocara contra unha árbore, no punto quilométrico 27, ao paso pola parroquia de Carballido.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía local, ademais dos membros de Protección Civil da localidade.

Co fin de mitigar as consecuencias do impacto e atender aos posibles feridos coa maior brevidade, o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou ata o punto á aeronave medicalizada, que nestes intres se atopa no lugar dos feitos.