Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Atopan o corpo dunha persoa flotando nunha lagoa na Pastoriza

Unha persoa particular alertaba esta mañá ao 112 Galicia do achado do corpo dunha persoa flotando na lagoa de Fonmiñá, no concello da Pastoriza, en Lugo.

O 112 Galicia recibiu a chamada do alertante ás 11:00 horas e, a partir de aí, púxose en marcha o operativo de rescate, no que interviñeron ademais dos servizos sanitarios, os Bombeiros de Vilalba e os axentes da Garda Civil. Así mesmo, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento dos membros do GES da Pontenova. 

Unha vez rescatado o corpo, as forzas da orde tratan de esclarecer as causas do suceso.

Un traballador resulta ferido tras ser golpeado por un guindastre en Frades

Un operario resultou ferido na mañá de hoxe despois de ser alcanzado por un guindastre mentres traballaba na parroquia de Santaia de Moar, no concello coruñés de Frades.

Ás 12:15 horas, o 112 Galicia recibiu unha chamada de alerta que informaba dun accidente laboral na estrada que une Ordes a Ponte Carreira. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o guindastre caeu enriba do operario provocándolle feridas de diversa consideración.

Debido á gravidade das lesións, os profesionais sanitarios enviaron á zona un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Ademais, para prestar apoio na aterraxe da aeronave, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a intervención dos axentes da  Garda Civil.

Un home resulta ferido no Porriño despois de envorcar o tractor que manexaba

Un home resultou ferido despois de envorcar o tractor que manexaba no concello pontevedrés do Porriño, concretamente no lugar do Cerquido.

Aínda que ata o lugar se desprazaron os Bombeiros do Porriño, despois de ser avisados polo 112 Galicia, o ferido atopábase accesible e non foi preciso o uso de material de excarceración.

O suceso ocorreu ao fío das 10:00 horas desta mañá, momento no que os xestores de emerxencias do 112 Galicia foron informados do accidente polos servizos sanitarios de urxencia.

Ademais de alertar aos Bombeiros do Porriño e aos Bombeiros de Vigo, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informaron dos feitos aos axentes da Garda Civil e Policía Local e aos membros de Protección Civil da localidade.

Finalmente, o ferido foi trasladado polos profesionais sanitarios ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Arde unha construción empregada como vivenda en Ourense sen rexistrarse danos persoais

Unha construción empregada como vivenda ardeu por completo esta mañá en Ourense sen que producisen danos persoais. Os feitos sucederon na rúa Canelle, ao fío das 9:30 horas.

Nese momento, varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta do incendio.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ourense, da Policía Local e de Protección Civil.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume quedou sufocado ao redor das 11:40 horas.