Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un home ferido de consideración ao caer na súa vivenda en Salceda de Caselas

Un home resultou ferido de consideración esta mañá despois de caer mentres realizaba uns traballos na vivenda que rexenta situada na parroquia de Mariña, no concello de Salceda de Caselas, en Pontevedra.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia dos feitos as 12:30 horas, a través dunha persoa particular que chamou para solicitar asistencia sanitaria para o home. Indicaba que caera e se precipitara desde unha altura.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia puxeron en alerta aos profesionais sanitarios quen, debido á gravidade das lesións, mobilizaron ao punto un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Os axentes da Policía Local e Protección Civil da localidade tamén se desprazaron ata o lugar nada máis ser alertados polo 112 Galicia.

Dúas persoas feridas tras envorcar o vehículo no que viaxaban en Trasmiras

Dúas persoas resultaron feridas despois de envorcar o turismo no que viaxaba. No momento de producirse o accidente, o vehículo circulaba pola estrada de Verín a Villa do Rei, xusto antes do albergue, ao seu paso polo concello ourensá de Trasmiras.

Un particular foi quen, pasados uns minutos das 13:00 horas desta tarde, alertou ao 112 Galicia. No seu relato indicaba que o vehículo estaba envorcado.

De inmediato, tras recibir a chamada, o 112 Galicia pasou aviso ao Servizo Sanitario de Urxencias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Xinzo. Do mesmo xeito, informou aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar e comprobar que as persoa estaban accesibles para poder ser evacuadas, foron trasladadas nunha ambulancia polo persoal sanitario ata o centro hospitalario de referencia.