Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Rescatado o corpo sen vida do pescador desaparecido en Valdoviño

O corpo sen vida do pescador asturiano desaparecido o pasado martes foi encontrado polo equipo de intervención de Salvamento Marítimo na mañá de hoxe. O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao recibir a chamada de alerta do equipo de rescate que participaba na busca a bordo do helicóptero Helimer.

Segundo a información facilitada ao 112, ao fío das 11:00 horas, os efectivos de Salvamento Marítimo avistaron o corpo dun varón flotando nunha área próxima ao areal da Praia de Baleo, no concello coruñés de Valdoviño, nas inmediacións do lugar onde fora visto por última vez.

Ao tratarse dunha zona acantilada, foi necesaria a acción coordinada entre os distintos equipos de emerxencia –aéreos e terrestres- para levar a cabo o rescate.

Deste xeito, para prestar apoio ao persoal de Salvamento Marítimo acudiron, tras ser avisados polos xestores do 112, os axentes da Garda Civil, da Policía Local e os membros de Protección Civil da localidade.

De igual modo, púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Ferrol e dos efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Cómpre indicar que foi o acompañante do pescador quen ás 10:00 horas do último martes chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda para o compañeiro que caera ao mar mentres pescaba.

O estoupido das rodas dun camión en Cerceda provoca un incendio no vehículo sen causar danos persoais

Un camión articulado que transportaba filtros e bidóns de aceite comezou a arder despois de estourarlle as rodas cando circulaba pola AC-400, á altura do punto quilométrico 20 do lugar da Cortella, en Cerceda.

Afortunadamente, o condutor puido saír do vehículo e realizar as primeiras tarefas de extinción para atallar as lapas.

Faltaban dez minutos para as 12:00 horas deste mediodía cando varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso. Indicaban que se escoitaran varios estoupidos moi fortes e que se apreciaba fume moi negro pola zona da Cortella.

Así, con estes datos, desde o 112 Galicia púxose en marcha un operativo formado polos Bombeiros de Ordes, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e efectivos de Protección Civil da localidade.

Nada máis chegar ao punto, os axentes de Tráfico comunicaron ao 112 Galicia que se trataba dun incendio nun camión ao que lle estouparan as rodas, o que provocou que se incendiase o vehículo. Así mesmo, indicaron que a causa do incidente había aceite derramado pola estrada.

A esta hora, o lume está practicamente extinguido, aínda que os Bombeiros continuarán mais tempo no lugar para evitar que se reavive. Indican, que debido aos materiais que transportaba  o camión, o lume se reproducía cada certo tempo. A plataforma do vehículo ardeu por completo.