Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Aparece con vida un nonaxenario que faltou da súa casa na tarde de onte

Os servizos de emerxencias deron cun nonaxenario que desapareceu na tarde de onte da súa casa na parroquia de Rebordaos, en Vilalba.

O señor apareceu, con algúns golpes tirado nunha cuneta, moi próximo ao seu domicilio e foi trasladado ao Punto de Atención Continuada do Centro de Saúde para someterse a un recoñecemento médico.

Sobre a súa desaparición informaron ao 112 Galicia os axentes da Garda Civil durante esta madrugada para solicitar a colaboración doutros equipos de intervención, como as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Vilalba e doutros concellos lindeiros como Xermade e Guitiriz. 

Tamén estivo a piques de intervir o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias co seu equipo de drons e os cans de rescate de Ferrol, pero, contra as 11:30 horas de hoxe, o señor apareceu con vida moi preto da súa vivenda. Debido a que presentaba algúns golpes, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 levaron ao home ao Centro de Saúde para que fose valorado por un facultativo.