Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa evacuada con síntomas de intoxicación por inhalación de fume tras producirse un incendio na súa vivenda en Monterrei

Un incendio provocado por unha tixola esquecida ao lume rematou cunha persoa trasladada ao Hospital de Verín con síntomas de intoxicación por inhalación de fume. Os feitos tiveron lugar ás 09:30 horas da mañá de hoxe na Rúa Progreso, na parroquia de Albarellos, no termo municipal ourensán de Monterrei.

A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar dos feitos. De acordo co seu relato, víase saír fume polas xanelas dunha vivenda á altura do número 96.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Verín, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar, os equipos de extinción lograron controlar o lume e confirmaron que unha persoa foi evacuada polos servizos sanitarios. Ademais, informaron que ardeu unha cociña de gas e as lapas afectaron os mobles lindeiros.

Incendio nunha nave en San Cibrao das Viñas
Tamén na mañá de hoxe, un incendio nunha nave industrial en Pazos de San Clodio puxo en alerta aos servizos de emerxencia.

Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais e tampouco a estrutura da nave viuse afectada polas lapas. Unicamente arderon un par de vehículos elevadores no interior do edificio industrial.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos poucos minutos antes das oito horas. Segundo a información recibida, víase saír fume polo teito dunha nave no lugar da Zamorana. De inmediato, desde o 112 púxose en marcha un operativo no que participaron ademais dos Bombeiros de San Cibrao das Viñas, os membros do GES de Pereiro de Aguiar e axentes da Garda Civil.

Tras rematar as labores de extinción, os equipos de intervención procederon a ventilar as instalacións.